(23/06/2009)  Esta mañá presentouse na Escola Habaneira da localidade lucense de Guitiriz o Seminario de verán sobre “Comunicación e Deporte” que do 17 ao 19 do vindeiro mes de xullo se celebrará nas propias instalacións guitiricenses e que contará con ponentes de luxo que explicarán aos asistentes ao mesmo diferentes aspectos e contidos a destacar a preto destes importantes temas, para aplicar tanto na vida persoal como na profesional.

O Seminario foi presentado esta mañá en Guitiriz por parte da Tenente de Alcalde, Sandra Freire, o Director do Seminario e profesor da USC, Eugenio Rodríguez, e o Responsable da Área Institucional da Fundación Azkar, Alberto Fernández, representando así ás tres entidades que organizan esta actividade.

Sandra Freire destacou na súa comparecencia ante os medios de comunicación que “é un curso dunha gran envergadura e pode ter moito éxito. Quero convidar a todos os universitarios e xente relacionada con estes temas a que se matricule para realizar o seminario xa que creo que realmente hai ponentes de categoría e creo que vai merecer a pena”. Eugenio Rodríguez pola súa banda quixo “animar á xente que teña relación co deporte e coa difusión do mesmo a que se matricule neste seminario xa que hai xente de gran valía, de gran experiencia do xornalismo deportivo, que vai impartir o mesmo”. Por último Alberto Fernández admitía que “dende a Fundación Azkar cualificamos este seminario como un importante reto polo número de ponentes e calidade dos mesmos. O reto baséase en 17 ponentes dos cales hai confirmados 13 e esperamos nos próximos días pechar os outros catro que son persoas mediáticas e que lle darán aínda unha maior importancia a este curso. A temática do mesmo é ampla e tentamos abordar moitos parámetros do que é a comunicación referida ao deporte”.


Prazo de inscrición
Para formalizar a matrícula para poder realizar o Seminario o prazo de inscrición xa se atopa aberto e non hai límite de prazas. A data límite de inscrición é o 3 de xullo.


Prezo
O prezo de realización do curso é de 70 €. O persoal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), estudantes e desempregados terán un desconto sendo o prezo final de 40 €.


Lugares para realizar a inscrición
Existen varias formas para poder realizar a inscrición: 
    - Por Internet na web: 
        www.usc.es/cultura/uveran09.htm#CAMPUS_DE_VERÁN_DE_GUITIRIZ
    - De forma presencial:
        - Campus de Compostela – Vicerreitoría de Cultura Colexio San Xerome (Praza do Obradoiro s/n)
        - Campus de Lugo – Secretaría de Cursos de Verán (Praza de Pío XII, 3).
        - Na Casa Consistorial do Concello de Guitiriz.


Contidos do Seminario
Os contidos que se pretenden desenvolver nesta actividade son basicamente: 
    - Historia do xornalismo. 
    - Cara a onde camiña o xornalismo deportivo. 
    - A programación deportiva en radio e televisión. 
    - O deporte nas televisións locais. 
    - O tratamento do deporte dende os medios de comunicación locais. 
    - Comunicación deportiva e as novas tecnoloxías. 
    - Os eventos deportivos: a súa influencia nos medios de comunicación e viceversa. 
    - Deporte e axencia de noticias. 
    - O uso do galego na comunicación do deporte. 
    - O tratamento das distintas modalidades deportivas nos medios de comunicación. 
    - A linguaxe xornalística deportivo. 
    - A laboura dos/as xefes/as de prensa e responsables de comunicación dos clubs deportivos. 
    - O sensacionalismo na información deportiva.


¿A quen está dirixido?

Este Seminario, ao cal poderá inscribirse toda aquela persoa que o desexe, está especialmente dirixido a: 
    - Responsables en xestión deportiva. 
    - Xerentes e xestores deportivos de Concellos, de Padroados, de Federacións Deportivas… 
    - Responsables de comunicación de Federacións Deportivas, de clubs… 
    - Directores/as de comunicación. 
    - Xefes/as de prensa de clubs, Federacións e demais entidades deportivas. 
    - Licenciados/as en Ciencias da Comunicación, e, en xeral para estudantes universitarios/as.


Ponentes confirmados
A día de hoxe a organización do Seminario está á espera de pechar os últimos detalles así como unha serie de ponentes, aínda que neste momento pódese confirmar que acudirán a impartir estas conferencias: 
    - Mari Carmen Izquierdo: Presidenta da Asociación de Xornalistas Deportivos de España. 
    - Rafael Recio: Vicepresidente 1º da Asociación de Xornalistas Deportivos de España. 
    - Juan Yeregui: Director de RNE en Navarra. 
    - Sonia Díaz Corcuera: Directora de Telelugo. 
    - Arcadio Silvosa: Cadena Ser. 
    - Arturo Cerviño: Cadena Cope. 
    - Lois Caeiro: El Progreso. 
    - Miguel Cabana: La Voz de Galicia. 
    - Xosé Pereira: USC. 
    - Nemesio Rodríguez: Subdirector de Deportes da Axencia EFE. 
    - Raúl Villares: Director de “Galicia en Goles” da Radio Galega. 
    - Juan Luis Cudeiro: Diario El País. 
    - Carlos Toural Bran: USC.



Jacobo Gómez
Xefe de Prensa da Fundación Azkar